sábado, 23 de xaneiro de 2016

Rede PEA UNESCO (Plan de Escolas Asociadas Unesco)

Creada en 1953, a Rede do Plan de Escolas Asociadas da UNESCO (redPEA), que se denomina habitualmente Escolas Asociadas da UNESCO, é unha rede mundial constituída por máis de 9000 institucións educativas de 180 países.

A Rede foi creada co obxectivo de traducir os ideais e prioridades da UNESCO en acción concreta a nivel educativo e co paso do tempo aumentou considerablemente a visibilidade da Organización.
 A RedPEA busca calidade na educación, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e o Marco de Acción de Dakar (Foro Mundial sobre a Educación, Senegal, 2000).

As actividades da RedPEA conxúganse para fortalecer os catro alicerces da aprendizaxe:

aprender a coñecer
aprender a facer
aprender a ser
aprender a vivir xuntos

como se manifesta no Informe á UNESCO da Comisión Internacional sobre a Educación para o Século XXI, presidida por Jacques Delors (1996).

As entidades que a integran -que van desde centros de ensino preescolar, primaria e secundaria ata escolas de formación profesional e institutos de capacitación de docentes- laboran en prol da comprensión internacional, a paz, o diálogo intercultural, o desenvolvemento sustentable e a posta en práctica da educación de calidade.

A Rede é útil para tomarlle o pulso á realidade, sensible ao que sucede no mundo. Tamén a Rede é un referente, preocupada por introducir novas propostas na aula, ao redor das catro liñas temáticas:
 1-O papel do sistema das Nacións Unidas,
 2-A educación con miras ao desenvolvemento sustentable
3- A paz e os dereitos humanos 
4-  Aprendizaxe intercultural. 

A Rede facilita o irmandamento entre escolas, no ámbito nacional, rexional e internacional e impulsa o compromiso a longo prazo das escolas fronte aos grandes temas globais.

A RedPEA promove o pensamento crítico, a aprendizaxe interactiva, a comunicación, o respecto mutuo e a solidariedade entre estudantes e docentes.

 A RedPEA reforza o rol da UNESCO como catalizador da cooperación rexional e inter rexional, estimulando actividades conxuntas, proxectos e campañas entre os propios membros da rede e entre estes e a comunidade. A rede ademais identifica, experimenta e informa acerca de prácticas e materiais educativos innovadores, co obxectivo de facelas accesibles a todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario